O MÉDICO RODRÍGUEZ E A PANDEMIA DE GRIPE DE 1918. Xosé A. Fraga


Hai pouco máis de cen anos padecemos unha pandemia que lembra algo  á actual, a Covid-19. En 1918 foi o virus da gripe o que supuxo o falecemento duns 50 millóns de persoas en todo o mundo. Espallouse por España en tres ondas: na primavera  e no outono de 1918 (acadando o momento de máxima mortalidade) e en febreiro-maio de 1919. En Galicia deixou preto de 20.000 persoas mortas.

Xosé Rodríguez Martínez (1856-1921), o popular “médico Rodríguez” converteuse nunha testemuña salientable da pandemia ao publicar ao ano seguinte un  Manual completo de la grippe (sic), iniciado en novembro de 1918, aproveitando que el mesmo collera a gripe. Un texto baseado na súa experiencia clínica e lecturas. Este hiperactivo personaxe tamén veu enfermos, recetoulles e, mesmo, escribiu para El Noroeste.

No libro tratou diferentes aspectos da enfermidade con comentarios baseados na propia experiencia e a doutros especialistas. No terreo persoal Rodríguez cóntanos como combateu a doenza con moita quinina e dieta, tamén alude á súa recaída e aos erros que cometeu no tratamento. Desde o seu fogar compartía a dor cidadá: “mi valiente y alegre  Coruña está preocupada”. Entendía, con razón, que a principal prevención consistía en extremar a hixiene e manter o vigor orgánico; tamén acertou ao indicar que ter pasado outra gripe axudaba a evitala. E recomendaba levar vida normal, non alterar os hábitos, mais nese punto non estivo atinado, a mellor oportunidade de supervivencia residía, coma hoxe coa Covid-19, en manter o distanciamento social.

Laiábase de que “se han muerto algunos enfermos en la población y en las afueras, sin asistencia, y esto es muy grave”, facíase eco de casos ben tristes e do esforzo dos médicos para atender a tanta xente. A crítica á actuación das autoridades tamén está presente, pois coidaba que despois da onda de infeccións da primavera deberon tomar máis precaucións, o que favoreceu o impacto de outono. Agardemos que agora non se repita ese proceso.

Xosé Rodríguez foi un sanitario exemplar, coma moitos que hoxe en día fan fronte á Covid 19. Agardemos que se lles trate como merecen cando pasen os apuros, que os xestos den paso aos feitos.



Xosé A. Fraga, historiador e divulgador da Ciencia

No hay comentarios:

Publicar un comentario