Hai
pouco máis de cen anos padecemos unha pandemia que lembra algo á actual, a Covid-19. En 1918
foi o virus da gripe o que supuxo
o falecemento duns 50 millóns de persoas en todo o mundo. Espallouse por España
en tres ondas: na primavera e no outono
de 1918 (acadando o momento de máxima mortalidade) e en febreiro-maio de 1919. En
Galicia deixou preto de 20.000 persoas mortas.
Xosé Rodríguez Martínez
(1856-1921), o popular “médico Rodríguez” converteuse nunha testemuña
salientable da pandemia ao publicar ao ano seguinte un Manual
completo de la grippe (sic), iniciado en novembro de 1918, aproveitando que
el mesmo collera a gripe. Un texto baseado na súa experiencia clínica e lecturas.
Este hiperactivo personaxe tamén veu enfermos, recetoulles e, mesmo, escribiu
para El Noroeste.
No
libro tratou diferentes aspectos da enfermidade con comentarios baseados na
propia experiencia e a doutros especialistas. No terreo persoal Rodríguez
cóntanos como combateu a doenza con moita quinina e dieta, tamén alude á súa
recaída e aos erros que cometeu no tratamento. Desde o seu fogar compartía a
dor cidadá: “mi valiente y alegre Coruña
está preocupada”. Entendía, con razón, que a principal prevención consistía en
extremar a hixiene e manter o vigor orgánico; tamén acertou ao indicar que ter
pasado outra gripe axudaba a evitala. E recomendaba levar vida normal, non
alterar os hábitos, mais nese punto non estivo atinado, a mellor oportunidade
de supervivencia residía, coma hoxe coa Covid-19, en manter o distanciamento
social.
Laiábase
de que “se han muerto algunos enfermos en la población y en las afueras, sin
asistencia, y esto es muy grave”, facíase eco de casos ben tristes e do esforzo
dos médicos para atender a tanta xente. A crítica á actuación das autoridades
tamén está presente, pois coidaba que despois da onda de infeccións da
primavera deberon tomar máis precaucións, o que favoreceu o impacto de outono.
Agardemos que agora non se repita ese proceso.
Xosé
Rodríguez foi un sanitario exemplar, coma moitos que hoxe en día fan fronte á
Covid 19. Agardemos que se lles trate como merecen cando pasen os apuros, que
os xestos den paso aos feitos.
Xosé
A. Fraga, historiador e divulgador da Ciencia